miércoles, 9 de agosto de 2017

A infamia de Meirás

Xesús Alonso Montero.- Escríbeme Pietro Molteni (fillo), xa xubilado, na illa de Sardeña, como profesor de Literatura, e escríbeme alporizado, non comigo -somos amigos e compañeiros- senón coa polémica que desde hai días ocupa a prensa galega que el consulta, desde hai moitos anos, con atención. Sabe Molteni moito das nosas cousas, non só das literarias, e está fondamente estrañado, e moi preocupado, polo feito de que, nesta altura (41 anos despois da morte de Franco), alguén sexa capaz de facer afirmacións profranquistas como as proferidas «por un tal Jaime Alonso da Fundación Francisco Franco». A Molteni, neto dun partisano condecorado polos aliados en 1946, «non me cabe na cabeza que se poida esbardallar dese xeito nun asunto tan importante e delicado». 
É nunha segunda carta, menos alporizado pero consternado, onde me recorda (a min!) que «as torres de Meirás foron doadas ao Caudillo polo pobo coruñés en 1938, quen as recibiu, na súa megalomanía, co nome de pazo». Nesta carta, extensa, conta Molteni que, ao ser insuficiente a voluntaria colecta popular, «a Junta Provincial pro Pazo del Caudillo, constituída por devotos da causa nacional (un pintor laureado, un activo banqueiro, o gobernador...), resolveu a cuestión económica de xeito que Franco, malicioso de seu, non se decatase moito da operación».
Nos dous últimos folios fálame Molteni dunha vella preocupación súa, «o valiosísimo patrimonio epistolar de dona Emilia Pardo Bazán, nomeadamente as cartas románticas que lle escribiran algúns escritores hispanos, sobre todo o gran Benito Pérez Galdós». Debo aclarar que Molteni non ignora o episodio protagonizado por Carmen Polo de Franco, que, escandalizada ante estes e outros papeis, mandoullos queimar -todos- a un soldado de apelido García. Este auto de fe cóntao a gran biógrafa de dona Emilia, Eva Acosta, que bebeu en fonte limpa: a declaración que lle fixo en 1988 o crítico literario Ricardo Gullón (especialista en Galdós), baseada nun informe que lle fixera o mesmo capitán que, en 1938, acompañaba a Carmen Polo, «a pirómana», apostila Molteni. Ignoraba Gullón, daquela, que se salvou da queima unha fotografía de Victor Hugo, con autógrafo, hoxe en poder de Xosé Díaz, segundo declarou, nun artigo, Isaac Díaz Pardo, seu pai.
Pietro Molteni (fillo) non descoñece que eu, como presidente da Real Academia Galega, solicitei, hai un ano e medio, ao correspondente organismo da Xunta de Galicia, ter acceso ás torres de Meirás, solicitude que facía en nome dun grupo de investigadores pardobazanianos. Lembro ben que escribín varias cartas -a burocracia de que falaba Larra- e, pasados case oito meses, abríronse, non sen dificultades, as portas, do que informou no seu día La Voz de Galicia. Eu expliqueille a Molteni que o que máis me horrorizou foron, xa á entrada do pazo, os trofeos taurinos e cinexéticos da netocracia franquista. El despídese, nesa segunda carta, estrañado da miña paciencia (case oito meses ante a Xunta!) e facendo votos por Galicia, digna de mellor sorte, que «oxalá, axiña, recupere a titularidade total das torres de Meirás, o que sería un acto de saúde democrática despois de 81 anos de franquismo, e un acto de xustiza poética».

Autor: Xesús Alonso Montero (Vigo 1938) Catedrático de Literatura na Universidade de Santiago de Compostela ex Presidente da Real Academia Galega, é filólogo, tradutor, conferenciante e autor de numerosos libros, estudos e traballos. Tamén é director do Centro de Estudios Rosalinianos e da Revista de Estudios Rosalinianos.


No hay comentarios:

Publicar un comentario

Los comentarios serán publicados una vez moderados.